O proxecto das Áreas Nai, Espazos de interese cultural marítimo (EICM), xorde das necesidades detectadas no proceso de investigación que deu lugar ao documento base do Plan da Cultura Marítima de Galicia (PCUMA), no que se especifica a necesidade de delimitar e estudar de forma pormenorizada as áreas de especial valor cultural, paisaxístico e patrimonial denominadas Áreas Nai (proxecto 04 PCUMA).
O Visor das Áreas Nai é unha ferramenta interactiva que permite explorar 24 zonas costeiras de alto valor cultural, paisaxístico e patrimonial, consultando os bens inmobles que conteñen, as súas tipoloxías e fichas descritivas. Ofrece unha visión integral destes conxuntos, destacando a súa singularidade e o seu papel na preservación da identidade marítima galega.
A través desta plataforma posibilítase unha visión integral dos conxuntos costeiros máis representativos, destacando a súa singularidade e a súa contribución á preservación da identidade marítima de Galicia.
As Áreas Nai
As Áreas Nai son enclaves singulares do litoral galego que conservan a esencia mariñeira orixinal. Destacan por ser expresión viva da cultura marítima e da importancia dos oficios tradicionais da cadea mar-industria, así como por englobar un conxunto coherente de elementos patrimoniais arquitectónicos, industriais e paisaxísticos.
De momento, están estudiadas e integradas no visor as Áreas Nai de: Rinlo (Ribadeo), O Barqueiro (Mañón), O Porto de Bares (Mañón), Espasante (Ortigueira), San Felipe (Ferrol), Redes (Ares), Muxía, Quilmas (Carnota), Caldebarcos (Carnota), Portocubelo (Carnota), Muros, Enseada de Broña (Outes), Corrubedo (Ribeira), Secada – Touro (Ribeira), A Illa de Sálvora (Ribeira), O Carril (Vilagarcía de Arousa), A Illa de Arousa, O Porto de Meloxo (O Grove), Combarro (Poio), O Salgueirón - Massó (Cangas), Cobres (Vilaboa), As Illas Cíes (Vigo) e A Guarda. Estes espazos forman unha rede territorial que reflicte a identidade galega e posúen un alto valor social, cultural e económico. A súa configuración mostra como as comunidades mariñeiras e a cadea mar-industria modelaron o litoral ao longo do tempo, dando forma ás paisaxes costeiras actuais. No próximo ano 2026, continuarase coa delimitación e estudo de novas Áreas Nai como poden ser As Xubias (A Coruña), Camelle (Camariñas), Caneliñas (Cee) ou Bouzas (Vigo).
Obxectivos das Áreas Nai
Co obxectivo de coñecer, conservar e reforzar a cultura marítima a través destes enclaves singulares, o traballo de investigación sobre as Áreas Nai articúlase arredor dos seguintes obxectivos específicos:
- Valorar os oficios tradicionais e o seu papel na configuración histórica e social do litoral galego.
- Identificar e inventariar zonas representativas que cumpran os criterios necesarios para seren consideradas Áreas Nai.
- Destacar os elementos patrimoniais presentes en cada área, como transmisores de integridade e representatividade cultural, así como o marco paisaxístico e natural no que se asentan.
- Mostrar a modificación do borde litoral e das paisaxes costeiras provocada por e para o traballo das persoas dedicadas aos oficios vinculados á cadea mar-industria.
- Difundir o valor cultural, histórico, social e paisaxístico que posúen estes enclaves, contribuíndo á súa protección e posta en valor.