Un proxecto para a salvagarda do noso patrimonio
O Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble, é unha ferramenta do Plan da Cultura Marítima, aberta e en constante actualización que recolle, identifica e documenta os bens inmobles asociados á cultura marítima ao longo do litoral galego. Trátase dun proxecto colaborativo que precisa do coñecemento e a implicación da xente e das comunidades locais, xa que ninguén coñece mellor o territorio, os seus nomes tradicionais, as edificacións históricas ou os usos transmitidos de xeración en xeración, que as persoas que viven nel. A participación cidadá permite recuperar información valiosa, moitas veces só conservada a través da tradición oral, de fotografías, entre outras, e poñela a disposición pública a través das novas tecnoloxías.
Por que é importante a túa colaboración?
A participación cidadá contribúe a garantir a precisión e diversidade do censo. As achegas individuais permiten tanto corrixir ou complementar a información existente como incorporar bens que, por distintas razóns, aínda non foron identificados polo equipo técnico. O resultado será unha base de datos máis robusta, representativa e útil para:
- A posta en valor do patrimonio marítimo por parte do sector cultural, educativo e turístico.
- A concienciación e o acceso da sociedade á memoria colectiva vinculada ao mar.
- A planificación e xestión territorial por parte das administracións públicas.
- O desenvolvemento de estudos e investigacións académicas.
Que tipo de información se pode achegar?
Buscamos dous tipos principais de achegas:
- Complementos aos bens xa incluídos no censo: fotografías antigas ou actuais, nomes tradicionais (toponimia), documentación histórica, testemuños orais, etc.
- Propostas de novos bens non incluídos no censo: edificacións ou elementos que se consideren relevantes para o patrimonio marítimo local (muíños, fábricas de salga, peiraos, cruces de costa, etc.).
As achegas poden incluír arquivos en distintos formatos (imaxe, audio, PDF, etc.), e tamén comentarios ou correccións sobre os bens xa recollidos no visor do censo.
Como colaborar?
De maneira moi sinxela, cubrindo o seguinte formulario:
https://forms.gle/QSnHbGCyjw2myFr3A
Validación e publicación das achegas
Todas as achegas serán revisadas polo equipo de asesores e técnicos do PCUMA. Unha vez validadas, el cesionario acepta que pasarán a formar parte do visor do Censo do Patrimonio Marítimo Inmoble de Galicia. A idea é que durante estes meses e ata novembro de 2026 póidanse corrixir erros, incorporar información facilitada ou engadir bens, consolidando así esta ferramenta como un recurso público de referencia.
Contamos coas túas achegas!
Agradecemos profundamente a túa participación neste proxecto colectivo de identificación, protección e difusión do noso patrimonio marítimo inmoble. A túa colaboración é esencial para garantir que este legado común perdure e sexa valorado como merece.